Se rendre au contenu

A guerra, omnipresente na historia desde Heródoto e Tucídides, foi reivindicada pola historiografía occidental do século XIX, que vía en Grecia e Roma o berce dun ''modelo occidental'' da guerra. Na actualidade, politólogos como Hanson, Luttwak e Huntington, asesores dos plans estratéxicos dos EE. UU., seguen defendendo este modelo. Este libro analiza como se ''racionaliza'' a guerra, defendendo a existenciadunha vinculación íntima entre a estratexia militar, a democracia, a economía e o desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía, elementos todos eles que terían o seu nacemento na Grecia antiga e que posteriormente serían a columna vertebral do estado-nación. A realidade foi moito máis complexa, porque a guerra vai unida á imposición de réximes políticos, permite consolidar a explotación económica e fomenta a hostilidade constante entre estados, elementos todos eles xa presentes na antigüidade clásica, que intentaría regular a guerra a través do dereito. A partir da I Guerra Mundial, nace a guerra de materiais, que supón unincremento xigantesco da capacidade de destrución. Pero esta ocúltase construíndo a imaxe dunha ''guerra hixiénica'', que nega o sufrimento real dos combatentes e da poboación civil, sobre todo dos nenos e as mulleres, que sofren un tipo de violencia bélica moi específico, tal como se pode ver no último capítulo do libro. Neste libro analízase a ''guerra vivida'', non só a pensada, na perspectivaque defendía Luciano de Samosata no século II da nosa era, cando dicíaque o historiador debe ter a capacidade de dicir a verdade, querer contala e non facerlle as beiras aos poderosos.