Overslaan naar inhoud

O paseo, que chegou ás librarías en 1917, é seguramente a obra máisemblemática do suízo Robert Walser. Estamos ante unha xoia literaria, ante unha exquisitez que revela unha inusitada vis cómica e lírica emáis un abraiante dominio da lingua. Atopamos aquí, marabillados, unha voz modesta, despreocupada, feliz e xovial, fresca, confiada, agradecida e ceiba. Unha voz, a maiores, discreta e elegante. Unha voz calma, transida de tenrura, de piedade e de amor, unha voz incapaz de asumir a carga prosaica e práctica da modernidade, a voz, en fin, dun ser humano perdido, fragmentado, que se esfarela entre o conxunto das cousas pequenas e fuxidías, e, desta guisa, se libera do peso dunmundo que non recoñece nin lle ten sentido. É precisamente a estemundo noso tan estraño que Walser lle entregou O paseo, a súa idea dacamiñada como ritual humilde, como arte, como pura poesía, exuberante, exaltada, intensa e evocadora, e como fonte dunha filosofía que, construída desde a beira, a insignificancia, a inseguridade e asoidade, descansa na contemplación ingrávida e demorada e conduce áfusión final coa contorna, é dicir, á difuminación, á desaparición, ao esquecemento, á disolución da dor, da angustia, do medo semprepudorosamente silenciados.